Exposición ‘Soño de Navegante’, de Afundación. A experiencia do tour virtual.

Un tour virtual por unha exposición de arte debe ofrecer unha experiencia diferente e complementaria á que nos proporciona o percorrido físico. Non pode subsituílo, non pode ofrecernos determinadas sensacións que só temos cando dialogamos presencialmente coas obras. Pero si debe facilitar outro tipo de experiencia: a entorna virtual permítenos achegarnos doutro xeito ás obras, indagar sobre as súas autoras ou autores, sobre o seu contexto, as súas creacións, as súas razóns…

Por iso foi que o convite que nos fixo Afundación para construírmos o tour virtual da exposición “Soño de Navegante” resultou unha oportunidade para avanzar e achegar algunhas ideas e solucións a un esforzo global: o de moitos profesionais e pequenas empresas dos 5 continentes que tratan de xerar melloras, e novos modelos, para os xemelgos dixitais. Neste caso, para os das exposicións de arte. E, máis en concreto, a partir do modelo escaneado dunha das mellores exposicións que pasarán este ano por Galicia: un fascinante percorrido pola arte cubana contemporánea a partir de fondos da Colección de Arte Cubano Contemporáneo Luciano Méndez Sánchez. A mostra pode verse na Sede de Afundación en Vigo ata este 29 de outubro.

Para a realización do percorrido, traballamos con equipos Matterport. Empregamos técnicas de edición virtual co gallo de optimizar a calidade coa que vemos as obras. Optimizar, xa que logo, a experiencia do usuario. Tamén enxerirmos directamente, con ferramentas de software especializado, a obra de vídeo-arte ‘El Bohío’, de Juan Carlos Pérez Balseiro. No tour virtual, a peza pode contemplarse no mesmo espazo, agora en 3D, que ocupa na exposición física. É un tipo de intervención difícil de atopar a día de hoxe noutros xemelgos dixitais de exposicións de arte no mundo. A tecnoloxía que o fai posible a penas ten algúns meses de vida. Ao enxerirmos o vídeo tal e coma está na mostra, non a partir de enlaces en elementos coma etiquetas ou menús, replicamos o contexto expositivo.

Un tour virtual debe propor a experiencia máis próxima posible á do percorrido físico polo espazo. E complementala a partir das posibilidades que ofrece a tecnoloxía facilitándolle ao público outro tipo de recursos para o desfrute e o coñecemento da obra.

Imos seguir traballando para optimizar os xemelgos dixitais de exposicións, museus e coleccións de arte. Máxime cando os tours virtuais de exposicións tamén nos ofrecen a posibilidade de arquivar, de captar, a beleza efémera dunha exposición temporal. A cultura é parte do ADN de Orestes Comunica. O noso primeiro proxecto de percorrido 3D foi o da Casa de Rosalía de Castro. Logo chegarían proxectos coma o do Museo Naval del Caribe, en Cartagena de Indias -en desenvolvemento á hora de escribir este post, pero do que xa está publicado este pequeno adianto-. Colaborar co equipo de Cultura de Afundación déixanos moitas aprendizaxes. E moitas máis inquedanzas.

Imos seguir traballando en novas vías de optimización deste tipo de experiencias. Pero seguimos defendendo a aproximación física coma a mellor vía para dialogar con obras coma as que trae a Galicia ‘Soño de Navegante’, unha serie de pezas, memorias e viaxes imaxinadas, onde se reconstrúe a historia visual e cultural dunha nación narrada na voz dos seus propios artistas . ‘Soño de navegante’ é unha xoia coral, efémera no físico; pero permanecerá a partir do seu xemelgo dixital.