Expertos da USC e Orestes Comunica desenvolven un proxecto conxunto sobre a Historia do Reino de Galicia

Cómo se contaba a Historia do Reino de Galicia nas historias de Galicia escritas hai 300 anos? E cómo se contou, por exemplo, nos cómics galegos dos anos 80s? Un espazo dixital desenvolto por Orestes Comunica e un equipo cientítico dirixido polo profesor de Historia Medieval Israel Sanmartín (USC) permitirá consultar, investigar e coñecer en qué contexto se fixo cada unha das aproximacións á Historia do Reino de Galicia. O sitio web tamén incluirá abondosa información gráfica e entrevistas en vídeo cos autores e autoras que se aproximaron ao estudo dese periodo histórico nas últimas décadas.

 

O proxecto de Orestes Comunica ten o título  “O reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVIII”. Será desenvolto grazas ao apoio do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galiza 2021-22′, promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Foi un dos 20 proxectos elixidos entre case 130 participantes. Durante a presentación da relación de iniciativas seleccionadas, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, explicou que con este proxecto a institución quere “contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza”.

O desenvolvemento de “O reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVIII” comezará coa catalogación, a análise e o estudo de case un cento de obras que, desde o século XVII, estudaron esta parte da Historia galega. Preto do 20% dos textos forno escritos hai máis de 200 anos. 

Os froitos deste traballo de documentación e investigación organizaranse para a súa publicación nun portal web. Será un espazo cunha vocación claramente divulgativa, tanto na súa presentación gráfica, adaptada aos criterios de usabilidade máis actuais, como nas súas taxonomías e na linguaxe empregada. O sitio web poderá consultarse en galego e español, e contará cos resumes en inglés e francés. A páxina incorporará, ademais, entrevistas en vídeo con autores e autoras que trataron a materia, e unha unidade didáctica que se poderá empregar nos centros de ensino. Os seus contidos tamén serán divulgados en redes sociais.

O proxecto “O reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVIII” é o resultado da colaboración entre un equipo científico vencellado á Facultade de Historia da USC e Orestes Comunica. Co director científico do proxecto, o profesor Israel Sanmartín, colaborarán os doutorandos Brenda Rodríguez, Roque Sampedro, Iago Ferrás e Pablo Fernández. 

Gústache esta publicación? Compártea cos demais!

Suscríbete ao noso boletín

Collect visitor’s submissions and store it directly in your Elementor account, or integrate your favorite marketing & CRM tools.