Pontevedra. 25 de nadal de 2020. É coma navegar nun mar de doces a golpe de click. E dende a casa. Así é o percorrido virtual que pode facerse nestas festas polas instalacións da tradicional Confitería Capri. Nunha acción pioneira no comercio local pontevedrés, a pastelería foi escaneada en 3D despois da elaboración do Dragón de Nadal que Capri prepara cada ano dende 1963. A partir dese escaneo, constrúese o percorrido inmersivo.
Durante a experiencia inmersiva, pódense ver imaxes antigas, vídeos explicativos de cómo se fan algún doces, e tamén unha felicitación de Nadal na que participan tanto empregados e empregadas de Capri en activo coma outros que xa están xubilados despois de décadas traballando na confitería.
Alianza de empresas locais
O percorrido por Capri, e o contidos enriquecidos aos que dá acceso, son resultado dunha alianza coa boutique local de servizos de comunicación e márketing Orestes Comunica. A empresa comezou a desenvolver este ano de forma pioneira en Galicia a tecnoloxía Matterport, coa que xa se realizaron percorridos virtuais por algúns dos principales edificios monumentais do mundo. Orestes Comunica tamén traballa en Galicia na comunicación e xestión do márquetin para o sector cultural –Auditorio Mar de Vigo, Festival de Cans, Festival Maré, etc…- ou en diferentes proxectos con empresas do sectores industrial e alimentario.
No desenvolvemento de contidos enriquecidos participou tamén a empresa pontevedresa Sabarís Media, especializada en deseño e creación de contidos visuais. Completou a suma de esforzos de empresas locais para levarlles aos pontevedresas e pontevedreses, neste Nadal, o percorrido virtual máis doce do ano.