Historiadoreino.gal… unha ollada á Historia das historias do Reino de Galicia

A Rede conta desde agora cun valioso recurso para achegarse á historia das historias do Reino de Galicia. O portal historiadoreino.gal fai un repaso dos escritos desde o S. XVI ata a actualidade conectando as diferentes ideas publicadas ao redor do Reino de Galicia. Ademais, pon a disposición dos centros educativos unha unidade didáctica de descarga gratuíta deseñada para a materia “Xeografía e Historia de Galicia” de 2º de Bacharelato, materiais de exposición que inclúen seis pósters co resultado do estudo e entrevistas con historiadores galegos que teñen publicado obras nos últimos anos.

A páxina web forma parte do proxecto A Historia das historias do Reino de Galicia, desenvolto por Orestes Comunica co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-22 da Deputación da Coruña. O seu coordinador científico foi o profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela Israel Sanmartín.

O portal web busca conexións entre as distintas ideas sobre Reino de Galicia ao longo da historia. Da Descripción del reyno de Galicia y de las cosas notables dél (1549), de Bartolomeu Sagrario de Molina, a O Reino medieval de Galicia: crónica dunha desmemoria (2020), de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira, o portal historiadoreino.gal compila información de 90 obras publicadas nos últimos cinco séculos sobre a Galicia medieval.

Con vocación divulgadora, a páxina é o resultado dunha investigación que contextualiza histórica, política e culturalmente os textos investigados e analiza as súas autorías, tamén aquelas construídas pola historia. Entre elas, nomes como Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Vilar Ponte, Justo Beramendi ou Ramón Villares. Incorpora, así mesmo, o estudo do papel das mulleres na conformación e evolución do Reino de Galicia, conectando as diferentes ideas publicadas sobre este período histórico para permitirnos esculcar as súas rupturas e continuidades.