Orestes Comunica traballou da man da Casa de Rosalía para desenvolver un sistema de visitas virtuais en catro linguas: galego, español, francés e inglés. É un proxecto ambicioso e diferenzal, polos contidos que ofrece a visita e polo seu carácter plurilingüe. Forma parte dos proxectos desenvoltos pola Casa de Rosalía co gallo do seu 50 Aniversario. Foi presentado no mes de xullo de 2021.
Nos primeiros tres meses, e tal e como sinala a Casa de Rosalía nunha nota de acutalidade na súa web, o percorrido inmersivo plurilingüe colleitou máis de 44.000 visitas, a maioría das cales proceden de Google Maps (43.309), dado que está integrado nesta plataforma, e o resto, 866, a través da páxina web da Casa-Museo. Os datos proceden do propio Google e da plataforma que soporta o sistema, Matterport.
A duración media do percorrido é de 5 minutos e 20 segundos, e por linguas, a máis visitada é a opción galega (74%), a seguinte é o inglés (14%), logo o español (11%) e, por último, o francés (1%).
A visita virtual, que está operativa desde o 8 de xullo nesta páxina web da Casa de Rosalía, permite visitar a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D, con información ampliada en case 40 puntos. Pola cantidade de información que se pode atopar no percorrido, é o proxecto máis ambicioso para percorrer un espazo físico, xa non só un museo, que se fixo en Galicia ata a data empregando ferramentas propias da realidade inmersiva. Para facelo empregáronse equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos, cos que se fixo a captura das imaxes. Tamén se empregaron ferramentas de software específicas, tanto para a construción do percorrido a partir das imaxes coma para facilitar a súa utilización.
A incorporación dun menú no que se pode elixir entre 4 idiomas diferentes para a realización da visita virtual e o acceso ao seu contido é totalmente pioneira en Galicia e xorde como produto da colaboración de Orestes Comunica, empresa galega encargada do desenvolvemento, cunha empresa italiana especializada en desenvolvemento de software para percorridos virtuais.