É a primeira vez que un avatar de corpo enteiro guía un tour virtual por un museo feito a partir dun espazo real escaneado en 3D. É o avatar de Maruxa Villanueva (1906-1998), a actriz galega que durante moitos anos recibía ás persoas que visitaban a Casa de Rosalía. Dende este venres 17 de febreiro, poden velo as persoas que experimentan o percorrido virtual pola Casa de Rosalía de Castro.
En Orestes Comunica traballamos para convertir os tours virtuais en experiencias. En achegar as posibilidades do metaverso a organizacións públicas e privadas. Como empresa especializada en percorridos virtuais, sabemos que o reto está en converter os tours en experiencias atractivas, usables, e ricas en contidos e posibilidades de relación.
Por iso a comezos de 2022 comezamos a desenvolver a idea de xerar unha nova ferramenta para otimizar o noso xemelgo dixital da Casa de Rosalía. E chegamos á idea da guía, de que un avatar guiase o tour. Non habería mellor guía para a Casa: Maruxa Villanueva. Unha avatar galega para o metaverso. O reto era grande: facer que o avatar puidese operar na entorna de software dos percorridos virtuais de última xeración baseados na tecnoloxía de Matterport®.
Traballo en equipo
A creación do avatar de Maruxa Villanueva foi posible grazas ao noso colaborador habitual Jorge Costas, debuxante e animador. Sumáronselle os talentos do escritor e tamén presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, para construír os guións, a fala. E a marabillosa voz da xornalista Amelia Hervella para lle dar vida a esas verbas dende o avatar. O arquivo que acompaña este post, inclúe, sen embargo, a voz orixinal da Maruxa Villanueva tomada dunha entrevista de RTVE. O vídeo resultante, coa voz de Maruxa Villanueva, procede dunha proba realizada durante o proceso de produción.
E entón comezamos a desenvolver un proceso técnico complexo para integrar o avatar, de corpo completo, animado e con voz, nos percorridos. Non existía software dispoñible para esa función. Traballamos con algúns especialistas de diferentes partes do mundo. Fixeron cadansúa achega. A chegada ao proxecto dos nosos parceiros israelíes de Matter foi fundamental para desenvolver o proxecto.
O pasado 2 de nadal de 2022, o avatar de Maruxa Villanueva presentábase por primeira vez en público na Casa de Rosalía, en Padrón (A Coruña, Galicia). Foi nun evento a porta pechada do proxecto OpenMuseums. O proxecto aínda non estaba rematado, pero Maruxa inzou de emoción a Casa. Coma sempre fixera.
Este 17 de febreiro de 2023, o avatar foi presentado na Casa de Rosalía nun evento no que participaron institucións coma a Dirección Xeral de Política Lingüística, a Deputación da Coruña e o Concello de Padrón. Descendentes de Maruxa Villanueva tamén quixeron participar. Maruxa Villanueva xa volve ser guía para todas as persoas que queren facer un percorrido pola Casa de Rosalía. En modalidade virtual. Outro tipo de experiencia. Un paso cara adíante no metaverso.